Monday 06 de May de 2024

O Concello inaugura este venres a exposición ‘Miñenses en Uruguai. Homenaxe a Antón Crestar’


● O acto terá lugar ás 19 horas no centro social da Rúa, onde estará exposta a colección de obxectos e historias de veciñas e veciños de Miño no seu paso por Uruguai, así como a obra e documentación de Antón Crestar.

● Antón Crestar, veciño de Miño e fillo predilecto do municipio, foi promotor do galeguismo en Uruguai nos anos 20 e 30 do século pasado a través da Irmandade Galeguista do Uruguai.

O Concello de Miño inaugurará este venres, 15 de decembro, ás 19 horas no centro social da Rúa a exposición ‘Miñenses en Uruguai. Homenaxe a Antón Crestar’, unha actividade enmarcada dentro do convenio de colaboración establecido co Consello da Cultura Galega para a recuperación da figura histórica de Antón Crestar.

Na exposición poderán verse imaxes e obxectos da historia de veciñas e veciños de Miño no seu paso por Uruguai, así como obra e documentación de Antón Crestar, veciño de Miño e un dos grandes expoñentes da emigración galega en Uruguai no século XX.
Está previsto que á inauguración asista o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco, e o cónsul de Uruguai en Santiago de Compostela, Ramiro Rodríguez Bauser, ademais doutros membros da corporación municipal e das familias que cederon material para a mostra.
Antón Crestar Faraldo naceu en Telle en 1896 e sendo menor de idade emigrou a Uruguai, onde se asentou. En Montevideo foi un dos fundadores da Irmandade Galeguista de Uruguai. Ademais, foi o promotor de que unha das escolas públicas de Montevideo leva o nome de Galicia, e integrou diferentes xuntas directivas do asociacionismo histórico galego a mesma cidade.
Crestar estudou na Escola Nacional de Belas Artes e dedicou a súa vida profesional a diferentes expresións da cultura. Foi galardoado co premio Vieira de Prata e en 1982 nomeado fillo predilecto de Miño. Un ano despois, faleceu en Montevideo aos 87 anos.